O campamento do CB Ribadosar terá lugar no Pavillón do Restollal entre 1 e 5 de setembro, de 8:30h a 14h. As Portas Abertas e os adestramentos das equipas federadas comezan o día 8 de setembro no Pavillón Quiroga Palacios.
Co fin de promover a práctica do Balonmán e favorecer a conciliación familiar, o BM Ribadosar organiza un Campamento para nenos e nenas de entre 6 e 14 anos nas mañás da primeira semana de setembro. Entre os días 1 e 5 deste mes, no Pavillón do Restollal, dous adestradores do único clube de balonmán de Compostela, asistidos por cinco deportistas das categorías superiores do Ribadosar, achegarán o balonmán ás 21 nenas e nenos xa anotados nesta actividade neste momento. Quen aínda tiver interese en se inscribir pode consultar disponibilidade através do mail ribadosar@gmail.com.
🏟 Pavillón do Restollal. De 1 a 5 de setembro
⏰ entrada entre 8:30h e 9:00h, recollida entre 13:30h e 14:00h
🎒material: roupa e calzado deportivo, merenda (haberá algo para acompañar), garrafa de auga.
💶 prezo: 55€ neno/a (persoas asociadas ao CB
Ribadosar) ou 90€ neno/a (persoas NON asociadas ao CB Ribadosar).
Desconto de 10% para irmá(n)s.
Como é habitual no clube compostelano, co inicio dos adestramentos das equipas federadas do Ribadosar comezan tamén as Xornadas de Portas Abertas no Pavillón Quiroga Palacios. Así, desde a tarde do día 8 e durante todo o mes de setembro será posíbel testar a práctica deste deporte de maneira totalmente segura e gratuita nas remodeladas instalacións de Conxo. O CB Ribadosar anima a crianzas e adolescentes de entre 6 e 16 anos a participaren nestas Xornadas de Portas Abertas, para o cal é necesario unicamente se inscribir através do formulario disponibilizado ao efeito na página de inicio da web www.ribadosar.es. Á espera de fixar os horarios de adestramento definitivos das sete equipas federadas con que conta o clube nesta temporada, na sección “Deportistas” do site www.ribadosar.es foron xa disponibilizados os horarios provisorios para as persoas que participen das Portas Abertas en inicios de setembro.
Toda a información sobre o Club Balonmán Ribadosar está accesíbel nas redes sociais do clube, na web www.ribadosar.es e no correo-e ribadosar@gmail.com.
Siga tamén o canal do Club Balonmán Ribadosar no WhatsApp: https://whatsapp.com/channel/0029VatPWkB77qVSvCoAzl2C