Un deporte, unha pasión...

Primeiro Club de Balonmán en Santiago de Compostela

Conctata con nos no ribadosar@gmail.com

luns, 22 de xaneiro de 2024

Un semestre de actividades do Club Balonmán Ribadosar (xullo-decembro de 2023)

 Sintetizamos na continuación as accións máis relevantes realizadas no noso clube no segundo semestre de 2023, nomeadamente desde a toma de pose da Nova directiva do Ribadosar en 26 de xuño.

En relación coa temporada 2022-2023 o Club Balonán Ribadosar experimentou un leve aumento de persoas asociadas (+3,5%) e de deportistas con ficha federativa (+17%) neste segundo semestre de 2023. Igualmente, froito da Reunión coa Concelleira de Deportes de Santiago de Compostela realizada en 19 de xullo, foron xa atendidas polo concello algunhas necesidades do clube vinculadas coa seguranza ou a captación de recursos, tais como o permiso para colocar no espazo do pavillón material publicitario e unha mesa de vendas, ou a disponibilización dun desfibrilador no Quiroga Palacios.

No plano económico, O Ribadosar reforza os patrocinios e as colaboracións durante este ano 2023 e diversifica tamén as fontes de financiamento coa venda de Rifas. Neste último caso, foran vendidos 1.000 billetes numerados para o sorteo dunha cesta cedida por un dos nosos novos patrocinadores, Embutidos Campos.


Foto: Acto de entrega da cesta no local de Embutidos Campos, no bairro do Sar, ao gañador do sorteo, Carlos Amenedo (no centro da imaxe), con Olga García e Roberto Samartim.

En 7 de outubro foron aprobadas por unanimidade en asemblea xeral extraordinaria realizada no Centro Sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo as cotas de actividade para a temporada 2023-2024. A convocatoria desta asemblea pretende ser unha mostra de transparencia e gobernanza participada do clube, xa que permitiu explicar con vagar á masa asociativa as necesidades económicas do Ribadosar para a presente temporada e consensuar tamén unha política de desprazamentos das suas equipas (en autobus) caracterizada pola sustentabilidade económica e ecolóxica, a seguranza e a cohesión do grupo.

A estas accións hai que somar aínda a xustificación ou apresentación durante este semestre das subvencións anuais para o fomento do deporte federado convocadas polo Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. Tamén a adhesión do Ribadosar en decembro pasado ao programa Bono Deporte, para que as familias que así o desexaren utilicen este procedemento para o pagamento do segundo prazo das cotas de actividade fixado para xaneiro de 2024. Así como o acordo coa tenda "Punto de Partido" (Rúa Banquete de Conxo, nº 8) para poder comprar con desconto a roupa deportiva do clube e que as persoas asociadas ao Ribadosar podan desfrutar tamén dunha redución de 20% no prezo de calquera produto da tenda.

Todo isto contribui para o reforzamento da solvencia e a solidez económica do clube, tal como recollido no informe de tesouraría tresladado en finais deste mes de xaneiro de 2024 ao corpo asociativo en virtude do artigo 15.2 dos estatutos do Ribadosar.

Apenas uns días despois da referida asemblea extraordinaria, en 10 de outubro, deron comezo os traballos para a elaboración dun plano estratéxico para o Clube Balonmán Ribadosar. Este plano xa está a ser deseñado e a súa implementación terá lugar ao longo de 2024, contando para iso coa colaboración (xenerosa e gratuita) de Roberto Sánchez Figueroa, antigo xogador profisional na Liga Asobal e especialista em marketing e xestión deportiva (https://robertosfweb.es/).

 

Foto: Da esquerda para a direita da fotografía, Patricia Rodríguez (vicepresidenta), Pepo Brea (coordenador da área deportiva), Roberto Sánchez Figueroa (asesor) e Roberto Samartim (presidente)

Debemos destacar, aínda, o desenvolvemento do plano comunicativo do clube neste semestre, a comezar pola total reestruturación da nosa web e o aumento significativo da presenza do Ribadosar nas redes sociais. Neste sentido, incorporamos facebook ás aplicacións xa existentes (youtube, instagram e X) e apostamos pola información propia através do noso Blogue (noticias de actividade, crónica da xornada, etc.). Sirvan canto a isto apenas algúns datos básicos referidos aos últimos seis meses:

Web (www.ribadosar.es): 569 usuarios novos, procedentes non apenas da Galiza, mais tamén de Madrid, Cataluña, Euskadi e Andalucía, e até, fora do Estado español, dos Estados Unidos, Países Baixos, Austria ou Portugal.

 

Blogue (https://cbribadosar.blogspot.com/): 7.147 visualizacións únicas, con fortes picos de actividade en finais de decembro e distribución por país de acceso segundo mostrado na imaxe superior.

 

Facebook: desde que foi aberto en 1 de novembro, esta aplicación atinxiu 690 persoas e publicou 43 conteúdos novos.

Instagram: a rede máis activa e dinámica do Ribadosar e aquela que apresenta un balanzo máis positivo, con practicamente 400 novos seguidores e máis de 5.000 contas atinxidas.


 

Canto á promoción deportiva, unha vez estabilizado o corpo técnico do clube coa contratación de Abraham Álvarez Diz como adestrador da categoría benxamín e Alberto Mille como responsábel da equipa infantil, foi retomada a visita aos centros de ensino, realizando un obradoiro de divulgación do balonmán no día 23 de outubro con estudantes de quinto e sexto ano de primaria do CEIP Plurilingue da Ramallosa.

Con este mesmo obxectivo de divulgación deportiva, en finais deste ano 2023 o Ribadosar acordou a asinatura dun contrato de prestación de servizos co Club Baloncesto da Estrada, polo cal desde meados de xaneiro de 2024 un adestrador do noso clube estará dúas horas por semana nas instalacións do clube estradense para promover o balonmán entre as crianzas deste concello.

Vale a pena referir tamén con este obxectivo divulgativo da práctiva do balonmán, por último, os varios eventos organizados polo clube neste último semestre de 2023, desde a Grande participación no Campus Deportivo gratuito do Club Balonmán Ribadosar realizado no Pavillón do Restollal en setembro 2023, ou a presença dun Stand do Ribadosar nas Festas de Conxo celebradas poucos días despois, até accións de celebración como a Homenaxe do Ribadosar a Manuel Hermida, por ocasión da súa xubilación como conserxe do Pavillón Quiroga Palacios e o enorme suceso da xornada festiva que uniu deportistas e familiares no Festival de Nadal organizado no día 22 de decembro no Pavillón Quiroga Palacios.