Un deporte, unha pasión...

Primeiro Club de Balonmán en Santiago de Compostela

Conctata con nos no ribadosar@gmail.com

venres, 23 de agosto de 2024

Máis balonmán en Compostela e comarca para a temporada 2024-2025

 Os obxectivos do CB Ribadosar para a temporada 2024-2025 pasan por reforzar as categorías base con infantil feminino e competir con senior masculino na segunda autonómica.

A asemblea xeral do Club Balonmán Ribadosar celebrada na Nave de Vidán no pasado 21 de xuño aprobou unha proposta de orzamento de máis de 68.000€. Isto supón un incremento de 38% en relación cos recursos económicos mobilizados na pasada temporada e significa unha aposta ambiciosa destinada a reforzar as Escolas de Balonmán do clube e a pór en competición máis dúas equipas na temporada 2024-2025: infantil feminino e sénior masculino (neste caso en parcería coa USC) uniranse agora ás categorías benxamín e alevín mixto, infantil, cadete e xuvenil masculino con que o Ribadosar competiu en 2023-2024.

A masa social reunida en asemblea valorizou positivamente quer a xestión económica e deportiva quer os resultados atinxidos polo Ribadosar na temporada 2023-2024, colocando en destaque tanto o incremento de 20% experimentado no número de fichas federativas, como o subcampionato Benxamín Prata e a terceira posición Alevín Ouro da temporada 2023-2024. Desde a directiva do único clube de balonmán de Santiago de Compostela foron apontadas tamén como fortalezas o crecente envolvimento das familias na vida asociativa do Ribadosar, o esforzo realizado na diversificación de fontes de ingresos e o aumento de persoas asociadas, de patrocinios e de outras colaboracións económicas.

Recoñecemento aos expresidentes Gregorio Vendrell e Ricardo Vázquez

Por ocasión da celebración do décimo segundo aniversario da fundación do Club Balonmán Ribadosar no bairro compostelano de Conxo, a asemblea aprobou por aclamación a proposta de distinción como socios honorarios dos expresidentes Gregorio Vendrell (2012-2014) e Ricardo Vázquez (2014-2023), quen recebeu tamén unha placa conmemorativa en recoñecemento a todos os anos de compromiso co Ribadosar e de dedicación ao fomento do balonmán en Compostela.


Balonmán nos centros de ensino, Portas Abertas en setembro e expansión na contorna de Compostela


O Ribadosar executará no inicio da temporada 2024-2025 varias accións destinadas á divulgación da práctica do balonmán en Compostela e a súa contorna. Entre as varias actividades programadas destacan as visitas a centros de ensino, que serán realizadas polo persoal técnico do clube para ministrar obradoiros de iniciación ao balonmán, e as xornadas gratuitas de Portas Abertas, que estarán activas durante todo o mes de setembro e para as cales xa é posíbel realizar a inscrición através do formulario habilitado ao efeito na web do clube (www.ribadosar.es).

Para alén disto, xa foron asinados ou están en preparación varios acordos de colaboración cos concellos de Oroso (onde foi realizada unha actividade de promoción específica xa en xullo), da Estrada (en cuxa Escola Deportiva Municipal o Ribadosar realizou un obradoiro xa neste mes de agosto) e de Negreira (onde tamén está previsto que o Ribadosar ensine balonmán durante o próximo curso escolar através da Escola Deportiva Municipal).

Un chamamento para sustentar o balonmán en Compostela


Desde o CB Ribadosar facemos un chamamento a todas as persoas interesadas neste deporte para apoiar o único clube de balonmán de Compostela. Persoas adultas poden asociarse, xogar balonmán na equipa senior ou desfrutar asistindo aos encontros das varias categorías en que o Ribadosar compite este temporada 2024-2025. Crianzas, rapaces e raparigas de entre 6 e 18 anos encontrarán no Ribadosar un espazo seguro onde poderán participar na construción colaborativa dunha comunidade solidaria, na cal gañar non é o obxectivo senón a consecuencia da interiorización e aplicación de valores propios do traballo solidario e en equipa. Para alén de beneficios fiscais, as empresas, comerciantes e institucións apoiantes do Club Balonmán Ribadosar ligarán o seu nome e a súa imaxe corporativa a un proxecto ilusionante e en clara expansión, un proxecto deportivo e comunitario destinado a demostrar coa práctica do balonmán a máxima de que ninguén é tan bon como todos xuntos, como todas xuntas.