Un deporte, unha pasión...

Primeiro Club de Balonmán en Santiago de Compostela

Conctata con nos no ribadosar@gmail.com

mércores, 16 de setembro de 2026

Campamento de verán do BM Ribadosar 2026

 

Grande suceso do campamento de verán do BM Ribadosar

Vinte rapaces e raparigas desfrutaron co balonmán no campamento que o Ribadosar organizou no Pavillón do Restollal entre 1 e 8 de setembro.

Seis xornadas de xogo, convivio e aprendizaxe souberon a pouco, mais foron suficientes para facer acordar entre a rapazada que se aproximou do pavillón do Restollal a lembranza ou a cobiza do balonmán.

Inmediatamente antes de comezar os adestramentos das sete equipas federadas e as Xornadas de Portas Abertas con que o BM Ribadosar dá inicio á temporada 2026-2027 no Pavillón Quiroga Palacios, os adestradores Quique Iglesias e Laura Garabal, asistidos por até sete deportistas das categorías cadete e xuvenil do clube compostelano, acompañaron nas mañás destes primeiros días de setembro os 20 rapaces e rapazas de entre 6 e 14 anos que participaron nesta actividade lúdico-formativa en volta do balommán.

Para alén de axudar na conciliación familiar, esta iniciativa consolídase como cita anual de referencia para as familias que procuran alternativas aos deportes masificados e desexan facer parte dunha comunidade acolledora construída ao redor do balonmán. Tamén, e sobre todo, o campamento de verán do Ribadosar contribui decisivamente para dar a coñecer a máis familias tanto este deporte como o clube que o sustenta en Compostela. A dedicación de adestradores e do persoal voluntario evidencia en cada edición que a atención e os cuidados prestados ás crianzas é unha maisvalía e unha característica que identifica o único clube de balonmán de Compostela.


Dous elementos destacan nesta nova edición do campamento de verán do BM Ribadosar. Por un lado, que a presenza feminina é cada vez maior entre a mocidade que quere desfrutar co balonmán (40% de persoas inscritas no campamento deste ano eran nenas). Por outro lado, que o balonmán é xa unha opción para os máis miúdos, como demostra que metade dos deportistas nesta edición eran benxamíns, isto é, tiñan entre 6 e 9 anos de idade.

A actividade contou coa colaboración de Deportes Caneda, que para alén do 20% de desconto que aplica en todos os produtos das súas tendas ás persoas asociadas tamén agasallou cun vale de 10€ a todos os participantes no campamento; así como de Froitas A Picaraña, que cedeu fruita de temporada para a merenda de toda a rapazada en todas as xornadas do campamento. A este apoio privado hai que somar o apoio institucional con que habitualmente conta o BM Ribadosar, procedente da concellaría de deportes do Concello de Santiago de Compostela, da Deputación da Coruña, da Xunta de Galicia e da Federación Galega de Balonmán.