Un deporte, unha pasión...

Primeiro Club de Balonmán en Santiago de Compostela

Conctata con nos no ribadosar@gmail.com

mércores, 28 de xuño de 2023

Nova directiva do Ribadosar

 

Comunicación

Nova directiva no Club Balonmán Ribadosar

A remuda na presidencia do Club Balonmán Ribadosar tivo lugar formalmente na asemblea extraordinaria celebrada ás 20:30h do luns 26 de xuño nas instalacións da Real Federación Galega de Fútbol, localizada no Estadio Municipal Vero Boquete de San Lázaro.


A única candidatura apresentada para a presidencia foi a do profesor da Universidade da Coruña Roberto Samartim, quen estará acompañado na vicepresidencia por Patricia Rodríguez Botana, na Tesouraría por Santiago Suárez Gómez ‑ambos ligados laboralmente ao sector da banca e responsábeis nesta nova fase pola área económica do clube e na secretaria por Marta Solla Villaverde, xestora na Universidade de Santiago de Compostela (USC). A coordenación deportiva estará ao cuidado de José Manuel Brea Floriani e Ezequiel Álvarez Castro, ambos docentes da USC, e a área de comunicación será agora responsabilidade de María Balboa Castelo e Félix Díaz López, emprendedora no sector do turismo rural e docente de sistemas informáticos, respetivamente.


Tanto a directiva entrante, na voz do novo presidente, como a nutrida afluencia de persoas asociadas ao Ribadosar presentes na asemblea agradeceron e recoñeceron de xeito unánime o labor incontornábel realizado pola directiva sainte e, nomeadamente, por Ricardo Vázquez, quen estivo ligado ao clube desde a sua fundación en 2012 e foi seu presidente desde 2014 até a actualidade.


O novo presidente, Roberto Samartim, dirixiuse á asemblea para apontar, tamén, o que serán os obxectivos a curto e medio prazo do Ribadosar nesta nova etapa. Por un lado, dar continuidade ao legado de Vázquez, quen, en palabras de Samartim, “fixo do Ribadosar un espazo seguro e unha comunidade acolledora tanto para as crianzas como para as familias que escolleron desfrutar e educar co balonmán na comarca de Santiago”. Por outro lado, a nova directiva do Ribadosar tenciona estender a práctica do balonmán nas Terras de Compostela a todas as idades, tamén á categoría senior, reforzando especialmente as súas Escolas de Balonmán e consolidando as categorías benxamín e alevín misto, acrecentando tamén equipas femininas federadas ás categorías infantil, cadetes e xuvenís masculino actualmente existentes.

As nosas equipas

O clube ten abertas neste momento as inscricións para o próximo curso 2023-2024 a través da web www.ribadosar.es

Ningún comentario:

Publicar un comentario