Un deporte, unha pasión...

Primeiro Club de Balonmán en Santiago de Compostela

Conctata con nos no ribadosar@gmail.com

mércores, 1 de novembro de 2023

Chegan as vitorias ao Ribadosar

 Redacción. 01-11-2023

Descanso este fin de semana na competición para infantís e cadetes do Ribadosar, despois das dúas derrotas con que concluiu a segunda xornada celebrada en 22 de outubro no Pavillón Quiroga Palacios de Santiago de Compostela. A pesar dese segundo partido do grupo C da Liga Prata ter finalizado co marcador claramente en contra da equipa infantil, foi moi meritorio o esforzo e a constancia dun conxunto que non baixou os brazos en ningún momento e mantivo sempre a tensión no xogo, a pesar da clara superioridade na pista do BM Arteixo. Moito máis igualado foi o encontro que enfrontou nesa mesma segunda xornada do Grupo C da Liga Prata a equipa cadete do Ribadosar co Vayro Lalín; os rapaces de Paula Díaz disputaron en todo o momento un encontro que chegou ao intervalo cun empate a doce golos, e que finalmente caiu da parte do Lalín cunha pelexada vitoria por 28 a 31.

Por seu lado, a primeira xornada de competición oficial de benxamíns e alevíns celebrouse en Culleredo o pasado domingo 29 de outubro, saldándose con dúas vitorias cómodas do Ribadosar. Os benxamíns, que viñan de gañar no día 14 de outubro o torneo organizado polo BM Xallas en Santa Comba, confirmaron agora frente ao CB Culleredo un estilo de xogo moi maduro, combinando o desmarque e o pase longo como principal característica ofensiva, cunha boa defensa individual desde metade da pista. O xogo de ambas as equipas evidencia o bon traballo formativo realizado por Abraham Álvarez e Laura Garabal cos máis pequenos do clube da capital galega.


O primeiro partido de competición oficial da equipa xuvenil do Ribadosar enfrontou no dia 15 de outubro ao conxunto adestrado aínda por Aarón Nieto cun Bueu Atlético Balonmán moito máis dinámico e que superou fisicamente os locais impinxindo no xogo un ritmo frenético. As perdas de balón e os tiros errados pola equipa da capital galega deixaron en 13-22 o fin da primeira parte, cando a distancia non foi maior grazas ao acerto de Dawit defendendo a baliza. A segunda metade foi xa un partido diferente, e a maior fluidez no xogo e o maior acerto perante a portaría do Bueu colocou os locais apenas dous tantos por baixo (33-35) a falta de 9 minutos para o final. Porén, a ansia por empatar o partido derivou en varias perdas da bola do Ribadosar que souberon aproveitar os visitantes para fixaren un marcador final de 35-42 e levaren para Bueu dous pontos de ouro.

Domingo 29 de outubro disputouse no Pavillón das Travesas de Vigo o partido correspondente á terceira xornada da Liga Prata Grupo A, entre as equipas Iberconsa BM Reconquista de Vigo e CB Ribadosar, con vitoria do conxunto visitante por 22 a 24 golos. O encontro comezou moi parello entre ambas as equipas, até que o BM Reconquista conseguiu unha leve vantaxe por causa da má selección de tiros do Ribadosar, chegando ao intervalo cun resultado de 13-9 favorábel ao conxunto local.

No inicio da segunda parte o Ribadosar recuperou varios balóns que igualaron o marcador e a partir daí comezou un novo encontro, coa equipa santiaguesa mellorando moito en defensa e acertando o tiro exterior. Unha mudanza táctica da equipa adestrada xa por Enrique Iglesias mellorou aínda máis o ataque, permitindo máis espazos en seis metros que pivotes e extremos souberon aproveitar en beneficio da equipa compostelana.

O 1 de novembro o CB Ribadosar volveu ao Pavillón das Travesas para desputar o encontro adiado da segunda xornada, ante o U.B. Lavadores de Vigo ás 12:00 horas da mañá. O resultado final foi de 32-27 favorábel aos locais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario