Un deporte, unha pasión...

Primeiro Club de Balonmán en Santiago de Compostela

Conctata con nos no ribadosar@gmail.com

sábado, 21 de xuño de 2025

Ezequiel Álvarez Castro, novo presidente do Club Balonmán Ribadosar

 

A asemblea xeral extraoridinaria celebrade en 20 de xuño renovou a xunta directiva do único clube de balonmán da capital galega.

Ezequiel Álvarez Castro, directivo desde xuño de 2023, substitui Roberto Samartim na presidencia do CB Ribadosar. Este profesor na Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) asumiu os labores de coordenación da xunta directiva do clube compostelán na asemblea xeral extraordinaria celebrada na Casa das Asociacións de Cornes o pasado venres 20 de xuño, perante a nutrida representación da masa social do Ribadosar que aprobou por aclamación a súa candidatura, a única apresentada.

O novo presidente, dirixiuse ás persoas presentes para agradecer a confianza e afirmar a continuidade do traballo en común desenvolvido até agora no CB Ribadosar, para avanzar nos obxectivos estratéxicos fixados hai dous anos pola directiva sainte, nomeadamente na aposta por nutrir e reforzar as categorías base e pór en competición máis equipas femininas.

Na súa fala, Álvarez Castro apresentou a xunta directiva que dirixirá o CB Ribadosar nos próximos anos, unha equipa reforzada que, nas súas palabras, “conxuga a continuidade coa necesaria renovación”. Así, continúan facendo parte da directiva Marta Solla na secretaría do clube, Iago Suárez na tesouraría, Pepo Brea na coordenación deportiva e Maria Balboa na comunicación. Por seu lado, Paula Villar Casas remuda na vicepresidencia Patricia Rodríguez Botana, que deixa as súas responsabilidades xuntamente con Roberto Samartim e Félix Díaz López, presidente e vogal, respectivamente. A renovación e o reforzamento na xestión do Ribadosar evidenciase en que outras seis persoas terán agora responsabilidades na gobernanza do clube santiagués: Hipólito Gómez Couso (profesor da USC), María Botana Rocamonde (asesora na Confederación de Empresarios da Coruña), Manuel Xesús Romero Banzas (Técnico Superior de Prevención de Riscos Laborais), Rodrigo Gómez Ruiz (consultor estratéxico no sector sanitario), Eva Pintor Sánchez (profesora de Secundaria FP de Hostelaría e Turismo) e Obdulia García Nimo (profesora no IES Manuel García Barros da Estrada).

De esquerda a dereita, Ezequiel Álvarez (novo presidente), Roberto Samartim (presidente sainte)
e Ricardo Vázquez (presidente de 2014 a 2023)

Antes da asemblea extraordinaria en que foi renovada a presidencia e a xunta directiva do Club Balonmán Ribadosar, tivo lugar a asemblea xeral ordinaria do clube en que foron aprobadas por unanimidade as contas da temporada 2024-2025 e o orzamento para a próxima temporada 2025-2026. No informe do presidente saínte, Roberto Samartim destacou o crecemento do clube nos dous últimos anos, con avanzos mui significativos nos planos organizativo e deportivo, onde aumentou considerabelmente o número de persoas asociadas, de deportistas e de equipas postas en competición, incluindo ademais a xestión da sección de balonmán das Escolas Deportivas Municipais de Oroso, a Estrada e Negreira. No plano económico, por seu lado, foi destacada a sustentabilidade, a autonomía e a solvencia económica dun CB Ribadosar que vé como o seu orzamento anual medra progresivamente nos últimos anos, dos 44.000€ da temporada 2023-2024, aos 66.000€ da temporada 2024-2025, até os 70.000€ previstos para a próxima temporada 2025-2026. 

Algunhas das persoas que participaron nas asembleas do CB Ribadosar en 20 de xuño de 2025.

Na próxima temporada o CB Ribadosar prevé pór en competición sete equipas (benxamín e alevín mixta, infantil masculina, dúas equipas cadetes masculinas e unha feminina, e unha equipa senior masculina), aínda que tamén non descarta a posibilidade de unha equipa infantil feminina. Precisamente, co obxectivo de captar deportistas, reforzar as categorías base do clube e promover a conciliación familiar, foi anunciada a realización dun campamento deportivo de 1 a 5 de setembro para rapaces e raparigas de 6 a 14 anos no pavillón do Restollal, así como a continuidade dos obradoiros de balonmán nos centros de ensino de Santiago e comarca, e a celebración das xornadas de portas abertas do clube todas as tardes de setembro no Pavillón Quiroga Palacios de Conxo.

Toda a información sobre o Club Balonmán Ribadosar está accesíbel nas redes sociais do clube, na súa web (www.ribadosar.es) e no correo-e ribadosar@gmail.com.

Ven xogar connosco na temporada 2025-2026!

Realiza a preinscrición no Club Balonmán Ribadosar através deste formulario .