Incorporación de senior masculino e infantil feminino, aumento tanto de licenzas federativas como de persoas asociadas, adestramentos tamén en Oroso e atención ás escolas deportivas da Estrada e Negreira caracterizan a actual temporada 2024-2025 do BM Ribadosar.
Obxectivos cumpridos
Entre setembro de decembro de 2024 o BM Ribadosar deu cumprimento a todos os obxectivos marcados para o inicio desta temporada 2024-2025. O esforzo organizativo e económico do único clube de balonmán de Compostela materializouse acrecentando infantil feminino e senior masculino ás cinco equipas con que o Ribadosar competiu na pasada temporada (benxamín e alevín mixto; infantil, cadete e xuvenil masculino). Para viabilizar a equipa senior foi asinado un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela e, no caso da categoría infantil feminina, foi habilitada unha sesión de adestramento semanal en Sigueiro (Oroso) para sete nenas residentes nese concello das Terras de Compostela, cinco delas alevíns.
Para alén de manter as Portas Abertas do clube todo o ano, as tarefas de divulgación e formación desenvolvidas polo BM Ribadosar consistiron tamén na realización de obradoiros de iniciación ao balonmán en centros de ensino de Santiago, Ames e a Estrada, atinxindo con esta acción vinculada ao programa autonómico Coñece o meu club máis de 1.360 estudantes de ensino primario, secundario e bacharelato.
Aínda canto aos obxectivos fixados para esta temporada 2024-2025, foi superada a fronteira do centenar de persoas asociadas e o número de deportistas con ficha federativa do clube ultrapasou este ano todos os rexistros accesíbeis. As 121 fichas activas nesta temporada inclúen unha ducia de deportistas que non compitem mais que asisten aos dous adestramentos semanais da Escola Deportiva Municipal da Estrada. A estas hai que acrecentar outros 24 xogadores e xogadoras que adestran connosco na Escola Deportiva do concello de Negreira dúas veces por semana.
Histórico de deportistas e equipas federadas do BM Ribadosar.
Fonte: Misquad.
Asemblea Xeral Ordinaria de 19 de decembro de 2024
En
decembro pasado tivo lugar na biblioteca da Casa das Asociacións de Cornes, en
Santiago de Compostela, a asemblea ordinaria do Club Balonmán Ribadosar. Nela
foi abordada a seguinte orden do día.
- Informe da presidencia
- Aprobación das contas da tempada 2023-2024.
- Aprobación do orzamento para a tempada 2024-2025.
- Renovación da Xunta Directiva en xuño de 2025.
- Asuntos varios.
- Rogos e preguntas.
A asemblea abriu co informe do presidente, no cal foi feito un balanzo da situación actual do clube, colocando en destaque os logros atinxidos desde a temporada pasada (aumento de fichas federativas e persoas asociadas, posta en competición de equipas senior e infantil femenina, xestión da sección de balonmán das escolas deportivas de Negreira, a Estrada e Oroso), e dando noticia das actividades desenvolvidas para o fomento da práctica do balonmán en Santiago e comarca (xornadas de portas abertas, visitas a centros de ensino, etc). Na continuación, foron apontadas as principais liñas de traballo dirixidas á preparación da próxima temporada: reforzar as portas abertas e as visitas a centros de ensino antes de finalizar o curso escolar; consolidar os acordos institucionais com a USC e os concellos da Estrada e Negreira, así como contactar con outros concellos da comarca para poder asumir máis adestramentos noutras escolas deportivas en 2025-2026; captar máis patrocinios; organizar eventos deportivos proprios; insistir na mellora das instalacións co concello de Santiago de Compostela; etc.
Nos seguintes pontos da orde do día o tesoureiro expón as contas da temporada 2023-2024 e apresenta e explica en pormenor o orzamento para 2024-2025, desglosado tal como indicado na continuación:
A exposición da tesouraría conclue coa indicación de que o balanzo negativo de 2024 foi debido á demora no ingreso dunha subvención e que este foi compensado co remanente existente no clube. Desde a mesa da asemblea foi destacada a crecente diversificación das fontes de ingresos (aumento de patrocinios, rifas, ribantina, prestación de servizos, …) e, finalmente, foron submetidas a votación tanto as contas da temporada pasada como o orzamento para a tempada actual, ficando aprobadas por unanimidade das 15 persoas asociadas presentes.
Na continuación, o presidente informa que se fai necesaria unha renovación (parcial ou total) da Xunta Directiva, motivada pola renuncia prevista para o final desta temporada, por razóns estritamente persoais, de algúns integrantes da directiva actual (vogal 2, vicepresidencia e presidencia). Faise constar que, toda a vez que esta renovación afecta a presidencia, será precetiva unha asemblea extraordinaria en xuño de 2025 aos efeitos da referida renovación, e enfatízase a necesidade de incorporar novas persoas á directiva nesa altura para afrontar a continuidade do clube e atinxir os seus obxectivos.
No fin da asemblea, desde a mesa foi tresladada a posíbel necesidade de limitar/regular o uso dos teléfonos móbeis por parte de deportistas nos desprazamentos, expedicións e eventos do clube. Acórdase levar este tema a votación na próxima asamblea ordinaria prevista para xuño de 2025. Será apresentada ao efeito a esa asemblea ordinaria unha proposta de alteración do ponto 10 do artigo 1 do capítulo 3 (“Xogadores”) do Regulamento de Rexime Interno e Disciplinario do CB Ribadosar.
Toda a información do noso clube está disponíbel através da nosa web, do noso blogue, das nosas redes sociais (facebook, Instagram e youtube) e do novo canal de whatsapp do Balonmán Ribadosar.
Participa na consolidación e expansión deste proxecto deportivo e comunitario para Santiago e comarca.
Somos o balonmán en Compostela!
Ningún comentario:
Publicar un comentario