Un deporte, unha pasión...

Primeiro Club de Balonmán en Santiago de Compostela

Conctata con nos no ribadosar@gmail.com

mércores, 13 de setembro de 2023

Xornada de esforzo e aprendizaxe para o Club Balonmán Ribadosar

 

No sábado 9 de setembro as equipas das categorías infantil, cadete e xuvenil do Ribadosar xogaron os seus encontros da Pretemporada Prata como preparación para a competición oficial que terá inicio en outubro.

A equipa infantil xogou o seu primeiro partido de pré-temporada no Pavillón Valle Inclán de Oleiros, às 11 horas, contra o Balonmán Atlántico. A equipa local demostrou ter maior experiencia na competición e máis horas de adestramento, e foi xusta vencedora perante un Ribadosar formado maioritariamente por deportistas infantís de primeiro ano, reforzado para esta ocasión con tres xogadores da equipa alevín. Para a inmensa maioría dos xogadores composteláns, esta era a primeira experiencia neste formato de xogo, despois de a temporada pasada ter xogado a balonmán 5, a media pista e con catro tempos de oito minutos. A pesar de ser a súa primeira experiencia nesta modalidade de competición, o Ribadosar infantil demostrou na pista unha forte unidade e cohesión interna, o adestrador Alejandro Hermida aproveitou para testar varias posicións e estratexias de xogo cos miúdos, e a equipa nunca baixou os brazos perante un rival que mereceu claramente a vitoria.

Por súa vez, os cadetes do Ribadosar tamén comezaron a competición na Pretemporada Prata nesta xornada de sábado. Neste caso, o Pavillón Quiroga Palacios de Santiago acolleu ás 12h o encontro co Club Balonmán Culleredo, digno vencedor deste enfrontamento. O Ribadosar, que chegou ao intervalo cinco golos por baixo e conseguiu chegar a se situar apenas un golo por trás, viu como o paso dos minutos impactaba en forma de lesións de dous dos seus xogadores ou no cansanzo derivado dos aínda poucos adestramentos. Unha equipa moi nova, esta de cadetes, dirixida este ano por Paula Díaz Areán e reforzada con un grupo de infantís de segundo ano, que todo indica dará grandes alegrías á afición do clube compostelán.

A equipa xuvenil enfrontouse no Pavillón da Gándara de Narón a La Salmantina Balonmán Narón ás 12:15h. Se o primeiro xogo dos xuvenís do Ribadosar, celebrado no Restollal no día 2 de setembro contra o Club Balonmán Culleredo (concluído con un resultado de 25 a 31) demostrou a calidade e a capacidade de esforzo e sacrificio deste grupo, este segundo encontro en Narón contribuiu para reforzar esta sensación. O Ribadosar, dirixido outra vez desde o banco por Quique Iglesias, chegou ao intervalo perdendo unicamente por un golo e discutiu até o final un partido que finalizou con un marcador de 30 a 21. Moi boas sensacións na pista as producidas por esta equipa de nova factura, integrada tamén por vários cadetes, a quen de certeza acompañarán os resultados unha vez que poidan contar con aqueles xogadores que aínda non se incorporaron á equipa por causa das lesións e cando vaian acumulando adestramentos.

Felicitacións para os deportistas do Ribadosar e tamén os nosos sinceros parabéns para os clubes Atlántico, Culleredo e Narón.

luns, 11 de setembro de 2023

Aarón Nieto, novo adestrador da categoría xuvenil do Ribadosar


Ligado ao Balonmán Pabellón Ourense como xogador durante vinte anos e como adestrador desde hai máis dunha década, Aarón Nieto coloca agora ao servizo do Ribadosar a súa dilatada experiencia na formación de deportistas en todas as categorías (de infantil até senior, masculino e feminino).

Con esta fichaxe, o Ribadosar completa a nómina de adestradores e adestradoras para as equipas actualmente inscritas en competición, con Abraham Álvarez Diz como responsábel da categoría de benxamín misto, Laura Garabal Couselo ao cargo da equipa de alevín misto, Enrique Iglesias Otero como adestrador da equipa infantil masculina e responsábel da coordenación deportiva do clube, Paula Díaz Areán como adestradora dos cadetes e Aarón Nieto a frente dos xuvenís.

Damos as boas-vindas a Aarón ao balonmán de Compostela.

Stand do Ribadosar nas Festas de Conxo

 
O Club Balonmán Ribadosar continúa coa campaña de visibilización e achegamento do Balonmán á cidadanía de Compostela. Inmediatamente despois de ter concluído con grande éxito o Campus Deportivo Gratuito realizado no Pavillón do Restollal entre 4 e 8 de setembro, o Ribadosar marca agora presenza nas Festas de San Serapio, en Conxo, no domingo día 10 de setembro, desde as 13 horas, cun stand en que os nenos e nenas presentes tiveron a ocasión de xogar a balonmán contando coa atención e as indicacións do persoal deportivo do clube.

O Ribadosar, que xoga como local os encontros das súas categorías de base no Pavillón Quiroga Palacios, evidencia desta maneira a súa estreita ligazón co bairro onde naceu en 2012, festexando coa viciñanza como máis un axente activo da comunidade local que o acolle.

Porque somos o balonmán de Compostela.



luns, 4 de setembro de 2023

Grande participación no Campus Deportivo gratuito do Club Balonmán Ribadosar

 No ámbito das Escolas de Balonmán que desde 2012 mantén en funcionamento o Ribadosar, o Pavillón do Restollal (Rúa de Emilio e Manuel, nº3, Santiago de Compostela) acolle nas mañás de 4 a 8 de setembro, de 10h a 14h, un campamento dirixido á infancia e a mocidade de Santiago de Compostela con interese na práctica do balonmán.

Superadas as prazas inicialmente estabelecidas pola organización, este Campus Deportivo totalmente gratuito xunta nesa primeira semana de setembro máis de medio centenar de nenos e nenas de entre 6 e 16 anos, dos cales case sesenta por cento son rapaces e raparigas (case un cuarto das persoas inscritas) sen ligazón previa co clube e que se aproximan agora do balonmán por primeira vez.



Tal como foi apontado polo presidente do Ribadosar na entrevista realizada para o programa Ser Deportivos, da Cadena Ser, no día 24 de agosto de 2023 (https://cadenaser.com/audio/ser_galicia_serdeportivossantiago_20230824_152000_160000/; desde o minuto 27), 

este campus deportivo ten como “obxectivo fundamental promover o balonmán en Santiago, porque nós somos o único clube de balonmán en Santiago de Compostela, [...] e o que nos interesa é educar através do balonmán e que toda a xente da comarca nos teña presentes”.

xoves, 17 de agosto de 2023

Abraham Álvarez Diz , novo adestrador do Ribadosar

 Abraham Álvarez Diz será o novo adestrador da categoría de Benxamíns do Ribadosar na temporada 2023-2024.





Formado no Ribadosar desde os 7 anos, Abraham contribuirá como até agora para os éxitos da nosa equipa xuvenil, e tamén formará desde inicios de setembro os xogadores e xogadoras mais novas do clube, iniciándoas ao balonmán e construindo este espazo colaborativo e de seguranza que identifica o Ribadosar.

O xogador compostelano foi convocado tamén para participar no adestramento que a selección galega xuvenil de balonmán realizará no Pavillón Manuel Coto Ferreiro da Estrada no próximo domingo 20 de agosto. Máis un paso na prometedora traxectoria deportiva de Abraham, e tamén un recoñecemento á importancia que atribuímos no clube ao desenvolvemento persoal e á realización de todas as potencialidades dos nosos xogadores e xogadoras.

Construímos un clube con bases sólidas e firmes.

Somos o balonmán de Compostela.



martes, 15 de agosto de 2023

Oferta de emprego (Adestrador)

Club Balonmán Ribadosar ((www.ribadosar.es) procura adestrador/a para categorías de base. 
Ofrece: Incorporación inmediata con contrato fixo descontinuo, a tempo parcial, por unha duración estimada de 9 meses por ano e 1.276 horas anuais, distribuídas en 7,5 horas semanais. 
Pagamento por realización de servizos como adestrador/a (monitor/a multidisciplinar) segundo fixado para o grupo profisional de "GRUPO 3, NIVEL 2" no Convenio Colectivo de Instalacións Deportivas e Ximnasios de Galicia (DOG 134, de 7 de xullo de 2020). 
Valora: Formación para as funcións requeridas Titulación específica. Título de adestrador/a de balonmán (nivel 2 ou nivel 1) Disponibilidade para a formación Experiencia profisional ou asociativa no ámbito socio-comunitario ou deportivo (particularmente do balomnán) Compromiso co clube Enviar Curriculum para ribadosar@gmail.com até as 12 horas de 25 de agosto de 2023.

mércores, 26 de xullo de 2023

Reunión coa Concelleira de Deportes de Santiago de Compostela

No día 19 de xullo o presidente e a vicepresidenta do Club Balonmán Ribadosar reuníronse con Pilar Lueiro, Concelleira de Deportes de Santiago de Compostela (no centro da foto), para lle trasladar os obxectivos e necesidades do noso clube para a próxima temporada.