No sábado 9 de setembro as equipas das categorías infantil, cadete e xuvenil do Ribadosar xogaron os seus encontros da Pretemporada Prata como preparación para a competición oficial que terá inicio en outubro.
A equipa infantil xogou o seu primeiro partido de pré-temporada no Pavillón Valle Inclán de Oleiros, às 11 horas, contra o Balonmán Atlántico. A equipa local demostrou ter maior experiencia na competición e máis horas de adestramento, e foi xusta vencedora perante un Ribadosar formado maioritariamente por deportistas infantís de primeiro ano, reforzado para esta ocasión con tres xogadores da equipa alevín. Para a inmensa maioría dos xogadores composteláns, esta era a primeira experiencia neste formato de xogo, despois de a temporada pasada ter xogado a balonmán 5, a media pista e con catro tempos de oito minutos. A pesar de ser a súa primeira experiencia nesta modalidade de competición, o Ribadosar infantil demostrou na pista unha forte unidade e cohesión interna, o adestrador Alejandro Hermida aproveitou para testar varias posicións e estratexias de xogo cos miúdos, e a equipa nunca baixou os brazos perante un rival que mereceu claramente a vitoria.
Por súa vez, os cadetes do Ribadosar tamén comezaron a competición na Pretemporada Prata nesta xornada de sábado. Neste caso, o Pavillón Quiroga Palacios de Santiago acolleu ás 12h o encontro co Club Balonmán Culleredo, digno vencedor deste enfrontamento. O Ribadosar, que chegou ao intervalo cinco golos por baixo e conseguiu chegar a se situar apenas un golo por trás, viu como o paso dos minutos impactaba en forma de lesións de dous dos seus xogadores ou no cansanzo derivado dos aínda poucos adestramentos. Unha equipa moi nova, esta de cadetes, dirixida este ano por Paula Díaz Areán e reforzada con un grupo de infantís de segundo ano, que todo indica dará grandes alegrías á afición do clube compostelán.
A equipa xuvenil enfrontouse no Pavillón da Gándara de Narón a La Salmantina Balonmán Narón ás 12:15h. Se o primeiro xogo dos xuvenís do Ribadosar, celebrado no Restollal no día 2 de setembro contra o Club Balonmán Culleredo (concluído con un resultado de 25 a 31) demostrou a calidade e a capacidade de esforzo e sacrificio deste grupo, este segundo encontro en Narón contribuiu para reforzar esta sensación. O Ribadosar, dirixido outra vez desde o banco por Quique Iglesias, chegou ao intervalo perdendo unicamente por un golo e discutiu até o final un partido que finalizou con un marcador de 30 a 21. Moi boas sensacións na pista as producidas por esta equipa de nova factura, integrada tamén por vários cadetes, a quen de certeza acompañarán os resultados unha vez que poidan contar con aqueles xogadores que aínda non se incorporaron á equipa por causa das lesións e cando vaian acumulando adestramentos.
Felicitacións para os deportistas do Ribadosar e tamén os nosos sinceros parabéns para os clubes Atlántico, Culleredo e Narón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario