Un deporte, unha pasión...
xoves, 21 de decembro de 2023
Sorteo cesta embutidos
O Ribadosar reforza os patrocinios e as colaboracións durante este ano 2023
O Club Balonmán Ribadosar renovou para a temporada 2023-2024 o patrocinio de Fisela. Asesoría & Servicios Jurídicos, de Autocares Mougán, de Amancio Deportes e da Clínica Revimedic, e acrecentou como suportes do clube para esta nova andaina máis tres novos patrocinadores: A Nave de Vidán, Jamones y Embutidos Campos e a Casa da Eiriña.
A todas elas agradecemos o seu contributo en apoio do balonmán de Compostela.
Toda a información sobre como apoiar o Ribadosar e divulgar a túa actividade profisional ou comercial en https://sites.google.com/site/ribadosar/apoiantes
luns, 27 de novembro de 2023
Homenaxe do Ribadosar a Manuel Hermida, por ocasión da súa xubilación como conserxe do Pavillón Quiroga Palacios
En 16 de novembro pasado foi o último día de traballo de Manuel Hermida Regueira, conserxe do Pavillón Quiroga Palacios. Por ocasión da súa xubilación, a directiva, a masa social e os/as deportistas do Club Balonmán Ribadosar quixemos agradecer toda a atención e todos os coidados que Manolo nos dedicou nos últimos 12 anos oferecéndolle o carné de socio número 403 e a camisola da nosa equipa.
mércores, 1 de novembro de 2023
Chegan as vitorias ao Ribadosar
Redacción. 01-11-2023
O primeiro partido de competición oficial da equipa xuvenil do Ribadosar enfrontou no dia 15 de outubro ao conxunto adestrado aínda por Aarón Nieto cun Bueu Atlético Balonmán moito máis dinámico e que superou fisicamente os locais impinxindo no xogo un ritmo frenético. As perdas de balón e os tiros errados pola equipa da capital galega deixaron en 13-22 o fin da primeira parte, cando a distancia non foi maior grazas ao acerto de Dawit defendendo a baliza. A segunda metade foi xa un partido diferente, e a maior fluidez no xogo e o maior acerto perante a portaría do Bueu colocou os locais apenas dous tantos por baixo (33-35) a falta de 9 minutos para o final. Porén, a ansia por empatar o partido derivou en varias perdas da bola do Ribadosar que souberon aproveitar os visitantes para fixaren un marcador final de 35-42 e levaren para Bueu dous pontos de ouro.

No inicio da segunda parte o Ribadosar recuperou varios balóns que igualaron o marcador e a partir daí comezou un novo encontro, coa equipa santiaguesa mellorando moito en defensa e acertando o tiro exterior. Unha mudanza táctica da equipa adestrada xa por Enrique Iglesias mellorou aínda máis o ataque, permitindo máis espazos en seis metros que pivotes e extremos souberon aproveitar en beneficio da equipa compostelana.
O 1 de novembro o CB Ribadosar volveu ao Pavillón das Travesas para desputar o encontro adiado da segunda xornada, ante o U.B. Lavadores de Vigo ás 12:00 horas da mañá. O resultado final foi de 32-27 favorábel aos locais.
venres, 22 de setembro de 2023
Tres deportistas do Ribadosar acudirán aos adestramentos dos Grupos de Detección e Desenvolvemento de Talentos Deportivos da Federación Galega de Balonmán.
martes, 19 de setembro de 2023
Asocíate ao Club Balonmán Ribadosar!
Os ingresos por cotas de socios/as do Club Balonmán Ribadosar supoñen neste momento menos de 5% do orzamento necesario para manter a actividade deportiva na temporada 2023-2024 (campamentos, escolas, torneos, adestramentos, competicións, ...). O obxectivo fixado pola actual Xunta Directiva é duplicar esta percentaxe nos próximos tres anos. Para iso é imprescindíbel a continuidade de todas as persoas actualmente asociadas e o apoio na captación activa de novos socios e socias de toda a comunidade do CB Ribadosar.
O noso clube necesita aumentar a masa social e para isso precisa do envolvemento de toda a xente, tamén de deportistas e familiares, porque canto maior for o corpo asociativo do Ribadosar, maior solvencia económica teremos para facilitar que os nenos e as nenas xoguen ao balonmán en Compostela. Canto maior for a nosa masa asociativa, maior tamén será o interese do clube para os eventuais patrocinios e máis serán os beneficios que daí se derivarán para as persoas asociadas, xa que continuarán viaxando aos partidos de maneira gratuita como até o de agora (até completar aforo do autobús), mais tamén desfrutarán de máis descontos nas compras ou nos servizos contratados nas entidades patrocinadoras do Ribadosar (como acontece coas viaxes, en Revimedic ou Amancio Deportes).
Como socio/a contribues:
Ao fomento do balonmán en Compostela
Á solvencia económica do CB Ribadosar
Á atracción de patrocinios
Desfrutas de viaxes gratuitas coa equipa
Dispós de descontos nos produtos ou servizos contratados cos patrocinadores do Ribadosar
Asocía máis unha persoa ao Ribadosar, e se ti aínda non es socio/a, preenche este formulario e ingresa 20€ na conta do clube (IBAN: ES04 0182 6104 1902 0151 6545). Isto pode ser feito mediante:
1. Transferencia bancaria (física ou electrónica) desde a propia entidade.
2. Ingreso en efectivo nun caixeiro BBVA.
É obrigatorio indicar no conceito: Nome, apelidos e DNI da persoa asociada.
3. Despois é preciso enviar o xustificante do ingreso (fotografado ou escaneado) para: tesouraria@ribadosar.onmicrosoft.com
Calquera dúbida ou incidencia pode ser consultada e/ou resolvida nese mesmo enderezo de correo.
As prestacións e beneficios deste tipo de contribucións están descritos en:
domingo, 17 de setembro de 2023
Clara mellora no xogo e primeira vitoria para o Ribadosar na xornada de 16 de setembro
O resultado non acompañou o esforzo da equipa infantil do Ribadosar no encontro disputado na mañá do sábado 16 de setembro no Pavillón Quiroga Palacios contra o BM Culleredo. O inicio do xogo evidenciou a superioridade dos visitantes, perante a cal pouco puido facer a equipa do bairro de Conxo, que acusou os nervos producidos pola falta de experiencia que ten aínda un conxunto formado na inmensa maioría por xogadores debutantes nesta categoría.
Con todo, os infantís do Ribadosar conseguiron asentarse aos poucos no partido e comezaron a dar mostras de seguranza sobre a pista. Se ben chegou ao intervalo cun resultado desfavorábel de 5 a 19, a equipa de Quique Iglesias deixou moi boas sensacións na segunda parte do encontro, cando conseguiu asentar a defensa e se manter imbatida durante 9 minutos. Apesar de non ter sido posíbel reverter a superioridade do Culleredo e da contundencia do resultado, esta defensa férrea, dura e sen fisuras, armada con moitas axudas e co esforzo partillado de todo o grupo, xuntamente con grandes intervencións dos porteiros, evidencia que co traballo, esforzo e espírito de loita e sacrificio demostrado na pista este sábado, os infantís do Ribadosar teñen moito a dicir na Temporada Prata que se iniciará no próximo mes de outubro.
Os cadetes, por seu lado, viaxaron a Culleredo para se enfrontaren á equipa local nunha xornada en que o resultado tampouco acompañou os rapaces de Paula Díaz. Após unha primeira parte magnífica, en que apesar de ter concluído 3 golos por abaixo do BM Culleredo (14-11) se fixo evidente unha clara melloría en relación co partido da xornada pasada, a equipa cadete do Ribadosar notou os problemas causados por un esquema de defensa 3-3 e, sobre todo, pola falta de fundo físico derivada do escaso número de adestramento realizados até o momento. Este cansazo foi evidente no último cuarto do xogo e explica en boa medida o resultado final dun encontro que, aínda así, deu para ver as enormes potencialidades deste grupo de rapaces, a maioría dos cales son infantís de segundo ano a tomaren agora contacto por primeira vez con esta nova categoría.
A única vitoria da xornada veu da man da equipa xuvenil masculina do Ribadosar, que enfrontou no Pavillón do Restollal na mañá do sábado 16 de setembro o BM Abegondo. Custou aos locais se meteren no xogo no inicio, con varias perdas de bola en ataque e desaxustamentos en defensa, que foron revisando ao longo da primeira parte, até se poren por diante no minuto 18 de partido e chegaren ao intervalo 4 golos acima no marcador.
Un inicio dubitativo do Ribadosar no segundo tempo e o acerto do Abegondo desde os 7 metros reduciu a avantaxe dos locais a apenas 2-3 golos, mais despois de axustar a defensa e resolver as dificultades colocadas pola seriedade defensiva do Abegondo, a equipa dirixida no seu debut por Aarón Nieto deixou o marcador no 32-26 final, conseguiu que os dous pontos ficasen na casa e que a afección estexa ilusionada e espectante á espera do inicio da competición oficial en outubro.
Parabéns para os clubes Abegondo e Culleredo, e felicitacións tamén para os deportistas do Ribadosar polo desempeño nesta recta final da pré-temporada.












