Un deporte, unha pasión...

Primeiro Club de Balonmán en Santiago de Compostela

Conctata con nos no ribadosar@gmail.com

domingo, 17 de setembro de 2023

Clara mellora no xogo e primeira vitoria para o Ribadosar na xornada de 16 de setembro


O resultado non acompañou o esforzo da equipa infantil do Ribadosar no encontro disputado na mañá do sábado 16 de setembro no Pavillón Quiroga Palacios contra o BM Culleredo. O inicio do xogo evidenciou a superioridade dos visitantes, perante a cal pouco puido facer a equipa do bairro de Conxo, que acusou os nervos producidos pola falta de experiencia que ten aínda un conxunto formado na inmensa maioría por xogadores debutantes nesta categoría.

Con todo, os infantís do Ribadosar conseguiron asentarse aos poucos no partido e comezaron a dar mostras de seguranza sobre a pista. Se ben chegou ao intervalo cun resultado desfavorábel de 5 a 19, a equipa de Quique Iglesias deixou moi boas sensacións na segunda parte do encontro, cando conseguiu asentar a defensa e se manter imbatida durante 9 minutos. Apesar de non ter sido posíbel reverter a superioridade do Culleredo e da contundencia do resultado, esta defensa férrea, dura e sen fisuras, armada con moitas axudas e co esforzo partillado de todo o grupo, xuntamente con grandes intervencións dos porteiros, evidencia que co traballo, esforzo e espírito de loita e sacrificio demostrado na pista este sábado, os infantís do Ribadosar teñen moito a dicir na Temporada Prata que se iniciará no próximo mes de outubro.


Os cadetes, por seu lado, viaxaron a Culleredo para se enfrontaren á equipa local nunha xornada en que o resultado tampouco acompañou os rapaces de Paula Díaz. Após unha primeira parte magnífica, en que apesar de ter concluído 3 golos por abaixo do BM Culleredo (14-11) se fixo evidente unha clara melloría en relación co partido da xornada pasada, a equipa cadete do Ribadosar notou os problemas causados por un esquema de defensa 3-3 e, sobre todo, pola falta de fundo físico derivada do escaso número de adestramento realizados até o momento. Este cansazo foi evidente no último cuarto do xogo e explica en boa medida o resultado final dun encontro que, aínda así, deu para ver as enormes potencialidades deste grupo de rapaces, a maioría dos cales son infantís de segundo ano a tomaren agora contacto por primeira vez con esta nova categoría.

A única vitoria da xornada veu da man da equipa xuvenil masculina do Ribadosar, que enfrontou no Pavillón do Restollal na mañá do sábado 16 de setembro o BM Abegondo. Custou aos locais se meteren no xogo no inicio, con varias perdas de bola en ataque e desaxustamentos en defensa, que foron revisando ao longo da primeira parte, até se poren por diante no minuto 18 de partido e chegaren ao intervalo 4 golos acima no marcador.

Un inicio dubitativo do Ribadosar no segundo tempo e o acerto do Abegondo desde os 7 metros reduciu a avantaxe dos locais a apenas 2-3 golos, mais despois de axustar a defensa e resolver as dificultades colocadas pola seriedade defensiva do Abegondo, a equipa dirixida no seu debut por Aarón Nieto deixou o marcador no 32-26 final, conseguiu que os dous pontos ficasen na casa e que a afección estexa ilusionada e espectante á espera do inicio da competición oficial en outubro.

Parabéns para os clubes Abegondo e Culleredo, e felicitacións tamén para os deportistas do Ribadosar polo desempeño nesta recta final da pré-temporada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario