Un deporte, unha pasión...

Primeiro Club de Balonmán en Santiago de Compostela

Conctata con nos no ribadosar@gmail.com

sábado, 31 de maio de 2025

O BM Ribadosar alevín fica, un ano máis, terceiro da Galiza

Na Final 4 alevín ouro celebrada en Redondela en 31 de maio o BM Ribadosar conquista, por segundo ano consecutivo, a terceira posición de todos os clubes da Galiza.

A equipa compostelá xogou a pasaxe para a final co Club Balonmano Viveiro no pavillón redondelán da Bombonera às 10:45h. Apesar de comezar gañando o primeiro cuarto, os outros tres caíron por unha diferenza mínima do lado do clube da Mariña, que despois se proclamaría solvente campión contra o Arteixo Balonmán. No encontro polo terceiro e cuarto posto xogado no pavillón da Marisma, o BM Ribadosar venceu nun emocionante partido por 10-6 ao Club Balonmán Pontedeume, tracendo para Santiago a medalla de bronce do campionato galego por segundo ano consecutivo.

Fecho de ouro a unha magnífica temporada dos alevíns adestrados por Laura Garabal, que permaneceron invictos até este primeiro encontro da Final 4.


Por outro lado, as dúas equipas infantil do BM Ribadosar, masculina e feminina, concluíron tamén a temporada como primeiras na clasificación da Copa Federación.

A equipa infantil masculina do BM Ribadosar, adestrada por Jorge Viaño, concluiu empatada a pontos coa SD Eumesa os encontros do Grupo 4 Norte, impóndose na primeira posición grazas á diferenza de golos.
Xa o BM Ribadosar-Espina & Delfín, adestrada por Laura Garabal, demostrou muita solvencia e concluiu invicta os encontros do Grupo 2 Norte da Copa Federación organizada pola Federación Galega de Balonmán. 

Litaxe provisoria de candidaturas apresentadas á presidencia do BM Ribadosar

Atendendo os procedementos e prazos estabelecidos para a renovación da xunta directiva do Club Balonmán Ribadosar, e concluído no día 30 de maio o prazo fixado para a  apresentación de candidaturas á presidencia do clube, publicamos na continuación a listaxe provisoria de candidaturas apresentadas:

    Ezequiel Álvarez Castro, número de socio 74

O prazo para eventuais reclamacións estará aberto até as 20:00h do día 5 de xuño.

Calquera reclamación debe ser dirixida ao correo-e ribadosar@gmail.com


No día 5 de xuño será convocada Asemblea Xeral Extraordinaria de socios/as do CB Ribadosar para o día 20 de xuño.

O día 6 de xuño será publicada na web do BM Ribadosar (www.ribadosar.es) a listaxe definitiva das candidaturas apresentadas.

martes, 27 de maio de 2025

FESTIVAL DO CLUB BALONMÁN RIBADOSAR EN SANTIAGO (28/05) E CLAUSURA DA EDM EN NEGREIRA (31/05)

 


 FESTIVAL DO CLUB BALONMÁN RIBADOSAR

Dúas xornadas de deporte e convivio reunirán en Santiago de Compostela e en Negreira xogadores e xogadoras das categorías de base do BM Ribadosar con deportistas que iniciaron en setembro pasado a práctica do balonmán nas Escolas Deportivas Municipais da Estrada e de Negreira, ambas atendidas por adestradores do clube compostelano.

Despois do grande suceso do I TORNEO TRIANGULAR INFANTIL celebrado no día 4 de abril no pavillón do bairro santiagués de Conxo (é posíbel asistir aqui a un vídeo cos mellores momentos do evento), o BM Ribadosar despide a temporada o día 28 cun festival deportivo no Quiroga Palacios de Compostela e o día 31 no pavillón Pedra Mámoa de Negreira. En ambos os lugares estarán presentes deportistas das escolas de balonmán tanto da capital galega como da Estrada e Negreira.

📢 PROGRAMA FIN DE FESTA 📢

Cuarta feira, mércores, 28 de maio, no Pavillón Quiroga Palacios de 18:30h a 21:30h

18:40h-19:00h: Benxamin vs pais/nais

19:00h-19:20h: Alevíns vs país/nais

19:30h-20:10h: Infantil fem. e masc. vs pais/nais (20+20 min)

📸 FOTOS 📸

20:20h-21:20h: concurso/exhibición de lanzamento por posicións (extremo, lateral, pivote e central) de cadetes a senior. Xurado: benxamín/alevín.

🤾🏻Deportistas, traede a camisola de xogo, merenda, pais e nais, amizades e familiares.

 

Sábado, 31 de maio, no Pavillón Pedra Mámoa de 16h a 17h

Deportistas benxamíns e infantís (masculino e feminino) das escolas deportivas atendidas polo BM Ribadosar en Santiago, a Estrada e Negreira xogarán un partido de exhibición con motivo da xornada de clausura das Escolas Deportivas Municipais do concello de Negreira.

 
Nada disto seria posíbel sen os nosos patrocinios


 

luns, 19 de maio de 2025

Final de temporada frenético no CB Ribadosar

 

Portas abertas entre 19 de maio e 28 de xuño, torneos en Compostela e Negreira 28 e 31 de maio, Final Four alevín 5 e proceso asemblear para a renovación da presidencia e xunta directiva do único clube de balonmán de Santiago de Compostela.

Concluída xa a competición das equipas senior, xuvenil e cadete masculinas, así como de benxamín mista, a afección do CB Ribadosar agarda o último partido da temporada na categoría infantil (masculina e feminina) e, sobretodo, o desempeño dos deportistas alevíns do único clube de balonmán da capital galega.

A equipa alevín do Ribadosar, invicta até a data, clasificouse con solvencia no pasado 17 de maio para a Final Four Alevín 5 que terá lugar no día 31 de maio no pavillón da Bombonera, en Redondela. Por segundo ano consecutivo, os rapaces adestrados por Laura Garabal gañaron por méritos propios o seu lugar entre a elite do balonmán galego e desputarán os catro primeiros postos co Arteixo, o Pontedeume e o Viveiro A. Precisamente contra esta última equipa competirá o Ribadosar no primeiro encontro, axendado para 31 de maio ás 10:45h.



Aínda no plano deportivo, a temporada 2024-2025 significou un avanzo considerábel no proceso de cohesión e de formación das categorías inferiores do CB Ribadosar. O magnífico traballo formativo do corpo técnico do clube trouxo consigo tanto o mellor desempeño do conxunto dos mais de 120 deportistas con ficha activa no Ribadosar, como a maior visibilidade e recoñecemento externo de varios/as deportistas do clube. Proba disto último é a convocatoria de Valle López Villar, do BM Ribadosar-Espina & Delfín para o adestramento coa selección galega infantil feminina no dia 11 de maio, ou a asistencia á xornada de tecnificación organizada pola Federación Galega de Balonmán en 18 de maio en Vilagarcia de Arousa dos deportistas alevíns Teitur Matynka Steinunnarson e Iván Vieites Marey.



Xornadas de Portas Abertas (Pavillón Quiroga Palacios, 19-27 de maio de 2025)

Un ano máis, o CB Ribadosar organiza as súas Xornadas de Portas Abertas en maio e setembro. Nesta ocasión, todas as crianzas que desexen experimentar se o balonmán é o seu deporte poden xa realizar a súa inscrición através deste formulario e adestrar así balonmán de maneira segura e gratuita no Pavillón Municipal Quiroga Palacios de Conxo (Rúa de Villaldía 33-35, Santiago de Compostela) nas tardes de 19 a 27 de maio deste ano 2025. Tamén poderán participar así no Festival do balonmán de Compostela que terá lugar no mesmo pavillón na tarde de 28 de maio de 18:30h a 21h. As portas do noso clube estarán novamente abertas durante todo o mes de setembro, todas as tardes despois das 18:30h no mesmo pavillón.

Toda a información sobre o procedemento de inscrición, a relación idades-categorías e os horarios dos adestramentos está accesíbel na web https://sites.google.com/site/ribadosar/deportistas > adestramentos).


Encontro das Escolas Deportivas Municipais

Despois do suceso do I Torneo Triangular Infantil do CB Ribadosar celebrado no Pavillón Quiroga Palacios o pasado 4 de abril, deportistas benxamíns e infantís do Ribadosar e das Escolas Deportivas Municipais dos concellos de Oroso, a Estrada e Negreira encontraranse novamente para desfrutar da práctica deste deporte, esta vez nas instalacións deportivas municipais de Negreira no día 31 de maio próximo.

Igualmente, as nenas do CB Ribadosar-Espina & Delfín que adestran un día por semana en Sigueiro asistirán á Gala do Deporte do Concello de Oroso no próximo 13 de xuño.

Aberto o proceso eleitoral do CB Ribadosar

Desde o día 23 de maio é posíbel apresentar candidaturas á presidencia do único clube de balonmán de Compostela. A renovación da xunta directiva do Ribadosar será efectiva na Asemblea Xeral Extraordinaria que terá lugar no próximo día 20 de xuño, na Casa das Asociación de Cornes, unha vez concluída a Asemblea Ordinaria de socios e socias axendada para as 18:30h en segunda convocatoria.

Carregue na imaxe ou nesta ligazón para escoitar a entrevista feita ao presidente do BM Ribadosar no programa radiofónico Ser Deportivos Santiago no día 20 de maio de 2025 (minutos 29-38). 


Calendario:

19/05-28/06: Portas Abertas do CB Ribadosar (Pavillón Quiroga Palacios, 18:30h-21h)

23/05: Reunión Aberta para a renovación da Xunta Directiva do CB Ribadosar (Casa das Asociacións de Cornes, 18:30h-20h)

23/05-30/05: Prazo de apresentación de candidaturas para a presidencia do CB Ribadosar

24/05: 12h: Infantil feminino: BM RIBADOSAR-ESPINA & DELFÍN vs BM. BRIGANTIUM NUNEGAL (Pavillón Quiroga Palacios)

25/05: 10:30h: Infantil masculino: COLEGIO LICEO LA PAZ vs BM RIBADOSAR (CPR Liceo La Paz, A Coruña)

28/05: Festival Final de Temporada (Pavillón Quiroga Palacios, 18:30h-21h)

31/05: Torneo Escolas Deportivas Municipais CB Ribadosar (Negreira)

31/05: Final Four alevín 5: Club Balonmán Viveiro A vs BM Ribadosar (Pavillón da Bombonera, Redondela, 10:45h)

31/05-05/06: Prazo de apresentación de alegacións á listaxe provisoria de candidaturas para a presidencia do CB Ribadosar

05/06: Convocatoria de Asemblea Xeral Ordinaria e Asemblea Xeral Extraordinaria do CB Ribadosar

13/06: Gala do Deporte do Concello de Oroso

20/05: Celebración das Asembleas Xeral Ordinaria e Extraordinaria do CB Ribadosar (Casa das Asociacións de Cornes, 18:30h-20:30h)

domingo, 18 de maio de 2025

CONVOCATORIA DE ELECCIÓNS Á PRESIDENCIA DO CLUB BALONMÁN RIBADOSAR

 

Por causa da demisión por motivos estritamente persoais do actual presidente, e de acordo cos estatutos do Club Balonmán Ribadosar, son convocadas eleccións á presidencia do clube e renovación da Xunta Directiva.

O calendario desta convocatoria é o seguinte:

·       De 9:00h de 23 de maio a 20:00h de 30 de maio de 2025 estará aberto o prazo para a presentación de candidaturas.

Poderá apresentar candidatura á presidencia do CB Ribadosar calquera Socio/a Numerario/a con todos os pagamentos en día e con plena capacidade para obrar. Para iso é preciso cubrir o Anexo adxunto e envialo para o e-mail ribadosar@gmail.com antes das 20:00h de 30 de maio de 2025.

 

·       Antes das 20h do día 31 de maio será publicada na web do CB Ribadosar (www.ribadosar.es) a listaxe provisoria das candidaturas apresentadas. O prazo para eventuais reclamacións estará aberto até as 20:00h do día 5 de xuño.

 

·       No día 5 de xuño será convocada Asemblea Xeral Extraordinaria de socios/as do CB Ribadosar para o día 20 de xuño.

Esta asamblea extraordinaria para a elección do Presidente ou Presidenta do CB Ribadosar dará comezo no final da asamblea ordinaria convocada para a mesma data ás 18:30 horas en segunda convocatoria.

 

·       O día 6 de xuño será publicada na web do BM Ribadosar (www.ribadosar.es) a listaxe definitiva das candidaturas apresentadas.

En Santiago de Compostela, a 19 de maio de 2025.

 

Asinado: Marta Solla. Secretaria do CB Ribadosar


_______________________________________________________________

ANEXO


Apresento por este medio a miña candidatura para a Presidencia do Club Balonmán Ribadosar

 

 

Nome:

Apelidos:

DNI:




En Santiago de Compostela, a ____ de maio de 2025



Asinado


Descarrega aquí o anexo:

Solicitude de candidatura á presidencia do CB Ribadosar 2025