Un deporte, unha pasión...

Primeiro Club de Balonmán en Santiago de Compostela

Conctata con nos no ribadosar@gmail.com

luns, 19 de maio de 2025

Final de temporada frenético no CB Ribadosar

 

Portas abertas entre 19 de maio e 28 de xuño, torneos en Compostela e Negreira 28 e 31 de maio, Final Four alevín 5 e proceso asemblear para a renovación da presidencia e xunta directiva do único clube de balonmán de Santiago de Compostela.

Concluída xa a competición das equipas senior, xuvenil e cadete masculinas, así como de benxamín mista, a afección do CB Ribadosar agarda o último partido da temporada na categoría infantil (masculina e feminina) e, sobretodo, o desempeño dos deportistas alevíns do único clube de balonmán da capital galega.

A equipa alevín do Ribadosar, invicta até a data, clasificouse con solvencia no pasado 17 de maio para a Final Four Alevín 5 que terá lugar no día 31 de maio no pavillón da Bombonera, en Redondela. Por segundo ano consecutivo, os rapaces adestrados por Laura Garabal gañaron por méritos propios o seu lugar entre a elite do balonmán galego e desputarán os catro primeiros postos co Arteixo, o Pontedeume e o Viveiro A. Precisamente contra esta última equipa competirá o Ribadosar no primeiro encontro, axendado para 31 de maio ás 10:45h.



Aínda no plano deportivo, a temporada 2024-2025 significou un avanzo considerábel no proceso de cohesión e de formación das categorías inferiores do CB Ribadosar. O magnífico traballo formativo do corpo técnico do clube trouxo consigo tanto o mellor desempeño do conxunto dos mais de 120 deportistas con ficha activa no Ribadosar, como a maior visibilidade e recoñecemento externo de varios/as deportistas do clube. Proba disto último é a convocatoria de Valle López Villar, do BM Ribadosar-Espina & Delfín para o adestramento coa selección galega infantil feminina no dia 11 de maio, ou a asistencia á xornada de tecnificación organizada pola Federación Galega de Balonmán en 18 de maio en Vilagarcia de Arousa dos deportistas alevíns Teitur Matynka Steinunnarson e Iván Vieites Marey.



Xornadas de Portas Abertas (Pavillón Quiroga Palacios, 19-27 de maio de 2025)

Un ano máis, o CB Ribadosar organiza as súas Xornadas de Portas Abertas en maio e setembro. Nesta ocasión, todas as crianzas que desexen experimentar se o balonmán é o seu deporte poden xa realizar a súa inscrición através deste formulario e adestrar así balonmán de maneira segura e gratuita no Pavillón Municipal Quiroga Palacios de Conxo (Rúa de Villaldía 33-35, Santiago de Compostela) nas tardes de 19 a 27 de maio deste ano 2025. Tamén poderán participar así no Festival do balonmán de Compostela que terá lugar no mesmo pavillón na tarde de 28 de maio de 18:30h a 21h. As portas do noso clube estarán novamente abertas durante todo o mes de setembro, todas as tardes despois das 18:30h no mesmo pavillón.

Toda a información sobre o procedemento de inscrición, a relación idades-categorías e os horarios dos adestramentos está accesíbel na web https://sites.google.com/site/ribadosar/deportistas > adestramentos).


Encontro das Escolas Deportivas Municipais

Despois do suceso do I Torneo Triangular Infantil do CB Ribadosar celebrado no Pavillón Quiroga Palacios o pasado 4 de abril, deportistas benxamíns e infantís do Ribadosar e das Escolas Deportivas Municipais dos concellos de Oroso, a Estrada e Negreira encontraranse novamente para desfrutar da práctica deste deporte, esta vez nas instalacións deportivas municipais de Negreira no día 31 de maio próximo.

Igualmente, as nenas do CB Ribadosar-Espina & Delfín que adestran un día por semana en Sigueiro asistirán á Gala do Deporte do Concello de Oroso no próximo 13 de xuño.

Aberto o proceso eleitoral do CB Ribadosar

Desde o día 23 de maio é posíbel apresentar candidaturas á presidencia do único clube de balonmán de Compostela. A renovación da xunta directiva do Ribadosar será efectiva na Asemblea Xeral Extraordinaria que terá lugar no próximo día 20 de xuño, na Casa das Asociación de Cornes, unha vez concluída a Asemblea Ordinaria de socios e socias axendada para as 18:30h en segunda convocatoria.

Carregue na imaxe ou nesta ligazón para escoitar a entrevista feita ao presidente do BM Ribadosar no programa radiofónico Ser Deportivos Santiago no día 20 de maio de 2025 (minutos 29-38). 


Calendario:

19/05-28/06: Portas Abertas do CB Ribadosar (Pavillón Quiroga Palacios, 18:30h-21h)

23/05: Reunión Aberta para a renovación da Xunta Directiva do CB Ribadosar (Casa das Asociacións de Cornes, 18:30h-20h)

23/05-30/05: Prazo de apresentación de candidaturas para a presidencia do CB Ribadosar

24/05: 12h: Infantil feminino: BM RIBADOSAR-ESPINA & DELFÍN vs BM. BRIGANTIUM NUNEGAL (Pavillón Quiroga Palacios)

25/05: 10:30h: Infantil masculino: COLEGIO LICEO LA PAZ vs BM RIBADOSAR (CPR Liceo La Paz, A Coruña)

28/05: Festival Final de Temporada (Pavillón Quiroga Palacios, 18:30h-21h)

31/05: Torneo Escolas Deportivas Municipais CB Ribadosar (Negreira)

31/05: Final Four alevín 5: Club Balonmán Viveiro A vs BM Ribadosar (Pavillón da Bombonera, Redondela, 10:45h)

31/05-05/06: Prazo de apresentación de alegacións á listaxe provisoria de candidaturas para a presidencia do CB Ribadosar

05/06: Convocatoria de Asemblea Xeral Ordinaria e Asemblea Xeral Extraordinaria do CB Ribadosar

13/06: Gala do Deporte do Concello de Oroso

20/05: Celebración das Asembleas Xeral Ordinaria e Extraordinaria do CB Ribadosar (Casa das Asociacións de Cornes, 18:30h-20:30h)

Ningún comentario:

Publicar un comentario