Benxamíns e alevíns competirán pola primeira posición
nas fases finais do balonmán galego na mañá do sábado 1 de xuño en Lalín
Despois de se
proclamaren vencedores absolutos da súa zona nas súas respectivas ligas
regulares, con 18 puntos de avantaxe sobre o segundo clasificado no caso dos
benxamíns e a unha distancia de 33 puntos no caso dos alevíns, as equipas
destas dúas categorías do Club Balonmán Ribadosar gañaron a súa clasificación
para a fase final galega na segunda fase eliminatoria desputada no Pavillón
Manuel Coto Ferreiro da Estrada no pasado 17 de maio.
O magnífico
desempeño dos rapaces e raparigas da canteira do Club Balonmán Ribadosar vén
coroar unha temporada en que o único clube de balonmán de Santiago de
Compostela competiu tamén con solvencia na Liga Prata e na Copa Federación nas
categorías infantil misto e cadete e xuvenil masculino.
Éxitos deportivos da canteira do Ribadosar
Na intensa
xornada de balonmán realizada no pavillón estradense, os benxamíns do clube santiagués perderon o seu primeiro partido da
temporada contra o Cisne Carlos Casares, a quen conseguiron superar apenas no
último dos cuartos do encontro. Aínda que esta derrota impediu o Ribadosar
benxamín se clasificar para a fase final Ouro e se colocar así entre os catro
mellores da súa categoría do balonmán galego, no segundo partido da xornada os
benxamín do único clube de balonmán da capital galega si lograron superar na
prórroga o Academia EIS Balonmán Tui. Con esta vitoria o Ribadosar benxamín
situouse entre os 5 e os 8 mellores equipos galegos deste ano e xogará a fase
final Prata o día 1 de xuño ás 10 horas no Lalín Arena, onde desputará co Cisne
Balonmám José Covelo o pase ao partido final que dá acceso ao cuarto posto da
categoría.
Os alevíns do Ribadosar, por súa parte,
gañaron con solvencia tres dos catro cuartos ao Balonmán Culleredo, e xogaron
despois o pase á fase final Ouro co Balonmán Beiramar Viveiro, con quen
empataron o primeiro cuarto e a quen conseguiron superar nos tres cuartos
seguintes. De venceren no Lalín Arena este sábado 1 de xuño ás 11 horas ao Asmubal
Meaño B, os alevíns do clube compostelano competirán pola primeira posición
absoluta desta categoría do balonmán galego nesta temporada 2023-2024.
O Ribadosar protagoniza o crecente interese
pola práctica do balonmán en Compostela
Esta temporada 2023-2024,
en que o Ribadosar estreaba ademais nova directiva, verificouse o aumento
significativo do número de deportistas de Santiago e comarca inscritos na
Federación Galega de Balonmán, xa que o clube santiagués pasou das 64 fichas
federativas da temporada pasada ás 80 actuais. Este crecente interese polo
balonmán verifícase tamén no éxito das xornadas de Portas Abertas que o
Ribadosar celebra no Pavillón Quiroga Palacios de Conxo na última quincena de
maio, onde máis unha ducia de rapaces e raparigas de Compostela se
aproximaron por vez primeira do balonmán.
O clube informa
que estas xornadas de Portas Abertas terán continuidade durante todo o mes de
setembro, en que o persoal técnico do clube estará ademais ao dispor do
profesorado de educación física dos centros de ensino de Santiago e comarca
para a realización de obradoiros formativos de balonmán totalmente gratuitos en
horario escolar.
Máis equipas femininas nas categorías
de base e senior masculino para a próxima temporada
O Club Balonmán Ribadosar
convida todas as persoas das Terras de Compostela interesadas neste deporte a
asistiren ao Festival Fin de Temporada
que terá lugar no Pavillón Quiroga Palacios de Conxo o próximo venres día 31 de
18:30h a 21h. Neste evento festivo será posíbel desfrutar de varios partidos de
exhibición que enfrentarán tanto deportistas do Ribadosar entre si como
deportistas cos seus familiares.
Igualmente, o
Club Balonmán Ribadosar anima a deportistas de todas as idades a se inscreberen
xa nas varias categorías en que pretende competir na temporada 2024-2025:
benxamin e alevín misto, infantil e cadete masculino e feminino, xuvenil e
senior masculino.


Ningún comentario:
Publicar un comentario