O Ribadosar foi o único clube que meteu dúas equipas na fase Final4 do campionato galego alevín e benxamín celebrado o pasado sábado 1 de xuño no Lalín Arena.
O único clube de balonmán da capital galega voltou para Santiago cos trofeus que o acreditan como Subcampión Benxamín Prata e Terceiro Clasificado Alevín Ouro nesta temporada 2023-2024 en que celebra os doce da súa fundación.
FINAL 4 BENXAMÍN PRATA:
- 1º Clasificado: Maco Electricidade Bueu Atl. Bm «A»
- 2º Clasificado: CB Ribadosar
- 3º Clasificado: Carnes do Ribeiro Ourense Provincia Termal
- 4º Clasificado: Cisne Bm. José Covelo
FINAL 4 ALEVÍN OURO:
- 1º Clasificado: Construcciones OLS Rasoeiro Bm.
- 2º Clasificado: Asmubal Meaño «B»
- 3º Clasificado: CB Ribadosar
- 4º Clasificado: Club Balonmán Miño
Tras a vitoria nun partido moi desputado fronte ao Cisne Balonmán José Covelo, que só puido ser resolvido na prórroga por 5 golos a favor da equipa compostelana e 4 da pontevedresa, o CB Ribadosar benxamín non conseguiu superar na vibrante Final Prata o Atlético Balonmán Bueu. Apesar de competir en Lalín con varias baixas en relación co seu combinado habitual, o Ribadosar conseguiu a segunda posición da súa categoría e mostrou nesta fase final un bon xogo colectivo e unha grande deportividade, cualidades que dan boa conta tanto do altísimo nível atinxido como dos valores de cooperación e solidariedade transmitidos ás crianzas que sustentan a base do balonmán en Compostela.
O CB Ribadosar alevín, por seu lado, desputou o dereito a xogar pola primeira posición da categoría co Asmubal Meaño, nun partido que concluiría finalmente cun marcador de 7 a 9 e varias exclusións de dous minutos para a equipa do Salnés. A emoción e o xogo limpo voltaron no encontro polo terceiro e cuarto posto, que enfrentou o CB Ribadosar co Miño Balonmán e deixou un marcador final de 11 a 9 a favor da equipa santiaguesa.
O Ribadosar parabeniza os clubes participantes nesta fase final e se orgulla do desempeño e da deportividade mostrada polas súas equipas benxamín e alevín tanto na liga regular como na Final 4 do balonmán galego nesta temporada 2023-2024.


Ningún comentario:
Publicar un comentario