Un deporte, unha pasión...

Primeiro Club de Balonmán en Santiago de Compostela

Conctata con nos no ribadosar@gmail.com

xoves, 20 de xuño de 2024

Balanzo da temporada 2023-2024 do CB Ribadosar

 

O último semestre de 2023 no CB Ribasosar caracterizouse por un intenso labor nos planos administrativo, económico, comunicativo e deportivo. As varias actividades organizadas neste período estiveron destinadas a consolidar a estrutura do clube e expandir a práctica do balonmán en Compostela e comarca.

Xa en 2024, para alén de encher un autobús de persoas asociadas e deportistas do clube para asistir ao partido das seleccións da España e da Serbia celebrado o día 8 de maio en Lalín, o Ribadosar organizou as súas xornadas de Portas abertas (de 13 a 31 de maio) e iniciou tamén os contactos cos centros de ensino da comarca de Compostela para preparar os varios obradoiros de iniciación ao balonmán no próximo curso. Durante o mes de setembro de 2024 serán abertos novamente os adestramentos das tardes a todas as persoas que desexen experimentar a práctica deste deporte.

En maio tamén coñecemos o resultado do sorteo dunha noite no aloxamento rural convocado polo Ribadosar en parcería coa Casa da Eiriña, e iniciamos o proceso destinado á contratación de adestradores/as para atender as equipas previstas para a temporada 2024-2025, en que tencionamos continuar competindo nas categorías actuais (benxamín e alevín misto; infantil, cadete e xuvenil masculino) e alargar a participación do Ribadosar en competición oficial a infantil feminino e senior masculino (para isto último o clube colabora coa área de deportes da Universidade de Santiago de Compostela). Este mes de maio concluiu coa celebración do Festival de fin de temporada no Pavillón Quiroga Palacios, con partidos de exibición entre deportistas e familiares.

O día 10 de xuño marcamos presenza nas xornadas de “Aplicación nas entidades deportivas galegas do Protocolo de Protección de Nenos, Nenas e Adolescentes fronte á Violencia no Deporte” e criamos no clube a figura da persoa Delegada de Protección.

O último evento da temporada 2023-2024 do Ribadosar foi axendado para a tarde de 21 de xuño, momento en que o clube celebra na Nave de Vidán a súa asemblea xeral ordinaria.

Para alén disto, nesta temporada verificouse un importante reforzo da presenza do Ribadosar nos medios de comunicación e nas redes sociais, con vídeos de instagran que atinxiron millares de visualizacións e centenas de gostos, e varias entrevistas e reportaxes radiofónicas.

[carrega na imaxe para escuitar o áudio]

No plano deportivo, na temporada 2023-2024 destacan especialmente os magníficos resultados das equipas benxamín e alevíns, ficando ambas vencedoras absolutas na competición das súas zonas e gañando os benxamíns o subcampionato Prata (sexta posición na categoría no conxunto da Galiza) e atixindo os alevíns a terceira posición de todos os clubes galegos da súa categoría.

As outras tres equipas con que competiu esta temporada o CB Ribadosar (infantil, cadete e xuvenil masculinas) desputaron tanto a liga regular, na segunda división galega, como a Copa Federación. A equipa infantil, a máis numerosa do Ribadosar en 2023-2024, atinxiu a sétima posición do seu grupo na primeira fase e a cuarta na segunda. A equipa de cadetes, por seu lado, estivo composta por metade de deportistas infantís de segundo ano e ficou na sexta posición do seu grupo na primeira fase e de terceiro na segunda (clasificándose finalmente na posición número 15 da súa categoría). Xa os xuvenís, que competían sistematicamente reforzados con xogadores procedentes de cadetes, conseguiron unha meritoria oitava posición na primeira fase, ficando segundos na segunda fase (clasificándose finalmente na posición número 16 no conxunto da súa categoría).

O CB Ribadosar inicia en setembro os adestramentos das súas equipas federadas para a temporada 2024-2025.

Non esperes máis. Únete ao Ribadosar! Participa na consolidación e expansión deste proxecto deportivo e comunitario para Santiago e comarca.

Somos o balonmán en Compostela!

Ningún comentario:

Publicar un comentario